‘As moscas’, de Mario Caneiro Ameneiros

Relato titulado ‘As Moscas’, co que Mario Caneiro Ameneiros gañou a terceira edición do premio Rosa de cen follas que convoca o Colexio de Sicoloxía de Galicia.

Foi polas moscas. Todos dicían que eramos a parella perfecta, pero estaban as moscas. Nada máis chegar as primeiras calores ela maldicíaas a berros pola casa.

-¿Por que non pararán de dar voltas estas noxentas moscas?

Eu nunca souben que responderlle. Nunca pensei que as moscas tivesen que facer outra cousa senon dar voltas, aínda que ben mirado, a xente anda moi equivocada coas moscas, se un as observa ben, pode comprobar como cambian o sentido de súpeto, trazando polígonos irregulares abertos. A xente é moi amiga de resumir.

A min, o que me chama a atención das moscas é o cariño que lle teñen ás cociñas. Isabel, tan práctica, si que tiña resposta a isto.

– Son unhas larpeiras, veñen pola comida- isto dicíao cun desprezo grave e fondo, coma se ser larpeiro ou ter fame fose un gran pecado.

O caso é que as moscas non me molestan. Despois de todo elas van polo aire, sen entrometerse.

– Xa me dirás ti o que fan de productivo as moscas mentres dan voltas e voltas

Eu nunca me parei a dicirlle que debuxaban liñas poligonais abertas e irregulares, fulminaríame con aqueles ollos de “Ti estás tolo”. Tampouco que a min a idea de dar voltas ou trazar liñas poligonais abertas sen ningún outro propósito, me parecese tan mala vida.

Eu nunca me atrevín a preguntarlle, pensaba que o tomaría a mal, se non a sorprendía o voar calado das moscas. A min reláxame velas voar, podo pasarme horas observando as súas fintas, os seus zigzag, admirándome do seu gusto pola hixiene, sempre fregando as patas dianteiras e a cabeza.

Ninguén se explica por que marchei. Non queren entender que a ela non lle importaba a miña felicidade. Nin mo consultou. Estragoume o almorzo dominical descubrir o artefacto criminal cando escoitei como unha mosca incauta churrascábase naquela luz azul.

2 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*