‘A braga fantástica’, de Cristina Pavón

Relato de Cristina Pavón gañador do ‘Premio de relato curto Liceo de Noia’, no ano 2008.

 

Collina dunha caixa desas nas que están a montón, de oferta, e comprei unha soa porque como non as podes probar, nin devolver se non che acaen, non son da túa talla ou non che son cómodas, non é cuestión de levar unha ducia. E cando ma puxen a primeira vez sentinme tan extraordinariamente ben que me lamentei por comprar só unha. Que parva son! Malia ao benestar que me invadiu, corrín á tenda a levarme todas as que quedasen iguais. E non quedaba ningunha.

Que era o que tiña de fantástico a braga? Que me sentía absolutamente sedutora con ela. E que non só me sentía eu, senón que así me atopaban os demais, especialmente o sexo masculino, pero non exclusivamente. Mesmo os cans e gatos achegábanseme xoguetóns, os nenos mirábanme con admiración, os semáforos púñanse en intermitente cando eu pasaba.

Que pode ter – preguntábame eu – unha simple braga de lycra común e cor azul para que me faga sentir así? Na miña curiosidade mesturábase o xenuíno interese científico co espurio interese persoal, e a miña intriga era dobre. Era o seu suave tecido, adaptable sedoso e firme? Si. Era o seu corte sinxelo con dous orixinais pregues aos lados? Tamén. ¿Era a súa cor electric-pastel? Non diría que non. Pero todas esas calidades non explicaban nin de lonxe os efectos que a peza provocaba. Sentíame como nun anuncio, pero de verdade. A luz e a fotografía eran excelentes, o ritmo da acción áxil, trepidante, as caras dos actores – menores de vintecinco – excesivamente perfectas, aínda que as caras non era nada comparadas cos seus corpos. Todo mostrábase con tal dispendio na posta en escea que cheguei a pensar se desprendería emanacións sicoactivas que eu absorbía a través da pel. Que demo tiña aquela braga? Non era de ningunha marca coñecida, nin sequera a tenda na que a comprara era dunha cadea famosa. Era unha humilde aínda que digna braga do montón. Recordo que nun momento de curiosidade, cando aínda utilizaba a cabeza, pensara en cortarlle un anaco pequeno – ínfimo – e levalo a analizar, pero non cheguei a facelo. Por temor a que se risen de min, xustifiqueime, pero no fondo o que de verdade temía era que ao cortala perdese as súas propiedades.

Ao principio non a puña durante moito tempo seguido, porque cun intre xa abondaba, e tampouco quería gastala moi axiña. As sensacións eran tan intensas, as miradas, insinuacións e proposicións tan numerosas que eu, que non estaba en absoluto afeita a ese bombardeo, sentíame desbordada. Ao principio, claro. Mirábame no espello analizando os cambios sufridos e non podía precisalos. Seguía sendo eu. Radiante, marabillosa, feliz e provocativa, corrixidos defectos evidentes coma un cu excesivamente opulento, pero indiscutiblemente eu. Había diferenzas, desde logo, pero o esencial non radicaba no mero aspecto. Facíame comportar doutro xeito, andar esbozando pasos de baile, tender a pórme vestidos vaporosos e evolucionar como a cámara lenta entre a xente, para que ocasionalmente a braga quedase á vista. A braga marabillosa.

Aos poucos funme afacendo a levala con máis frecuencia. Atopábame xa absolutamente natural con ela, tan natural que non pensaba en cousas macabras como cando fose vella – calquera das dúas -, perigo latente pero que latexaba baixiño aínda. Amais, había outros asuntos máis urxentes aos que atender, e é que tantas chamadas e ofertas que a miña sedución provocaba non podían deixar de ter algunha resposta. Ao principio, moi ao principio, estaba tan sorprendida con todo, que era abondo para min sentir a xeral adoración e desexo. Pero ao pouco tempo era xa fisicamente imposible non aceptar algunha das ardentes proposicións sexuais que constantemente me facían. Aínda que teño que recoñecer que a súa mesma vehemencia e abundancia facíaas aparecer un tanto desvirtuadas ante min, eu, que unhas semanas antes correría tras boa parte dos que agora me asediaban.

Cedín, é a palabra, cedín gustosa ao acoso dun dos especialmente insistentes, e xa mentres nos enredabamos en delicioso preludio temía eu o momento crucial de quitarme a peza. Demoreino canto puiden pero o intre chegou igualmente, e aínda que procurei que fose cando xa estabamos xementes e acalorados, aínda así foi tremendo. Parouse a música, baixoulle a erección de golpe e non houbo forma. A iluminación volveuse subitamente crúa e sen os filtros acostumados. Non sei cal dos dous quedou mais confuso, pero eu non quixen alargar a situación, vestinme – recuperando o meu atractivo feroz – e funme deixándoo aparvado e afogado nun mar de súplicas.

Aquilo fíxome reflexionar por primeira vez en semanas. De que me servía unha braga fantástica se chegado o momento tiña que quitarma e íase todo ao garete. Antes non me perseguirían os amantes pero tampouco se lles desinflaba a libido á vista e contacto da miña pube. Barallei varias solucións, todas as cales viraban arredor do mesmo. Non sacarma. Sacala a medias. Polo menos mantela agarrada. Non perder o contacto, en definitiva. Decidín probar estas alternativas de seguida e escollín para iso, un pouco ao azar, a un non dos máis vehementes precisamente. Intentei non ma sacar. Difícil pero posible, o irreal e fantástico ambiente acostumado mantívose todo o tempo. Pero non era excesivamente cómodo, e tampouco servíame como solución definitiva.

Probei a continuación con outro pretendente, escollido tamén un pouco ao azar, e esta vez sacándoma pero sen soltala. Regular, notouse un baixón, non tan brusco como a primeira vez, desde logo, pero notouse. Suprimir a penetración radicalmente tampouco me parecía unha solución. Fixen algúns intentos máis ata descubrir que o xeito en que mantiña o seu efecto á miña completa satisfacción era póndolla á miña parella nada mais quitarma, xusto antes do crítico momento. Meténdolla por un brazo, pola cabeza, onde me parecese. Entón si, todo seguía a ser fantástico, el seguía a atoparme fascinante, eu a el terriblemente atractivo, e o coito era memorable. E en plural. Ao terminar eu saía escorrentada coas miñas bragas e cunha inevitable tristeza post-coitum, pero de seguida recuperábame no cuarto de baño. A eles non lles importaba que llas puxese, a algúns mesmo encantáballes, pero aqueles a quen normalmente non lles gustaría, con tal de estar comigo deixábanse facer o que fose. E eu facíallo.

Así fun resolvendo as cuestións prácticas do exercicio sexual, pero había outro problema que se ía fraguando e agravando día a día. Non era xa que a puxera moito, é que non a sacaba de enriba. Chegou o día que nin para durmir. E claro, por moi marabillosa que fose a prenda, por moi fantástico e irreal que fose o escenario a que daba lugar, non era inmune o meu contacto. O meu corpo seguía sendo o meu corpo cas súas secrecións de fluxo vaxinal, as súas pingas de ouriños no vello pubiano, por non mencionar rastros máis ocres pero non menos existentes, que levaban inevitablemente á necesidade de quitar a braga para lavala. E chegou un momento en que esa situación atemorizábame irracionalmente. Fixen como se non me importase, afectando despreocupación ante min mesma, pero tiven que recoñecer que foi máis duro do esperado. Foi unha caída en picado. Asusteime moito, pero lonxe de actuar razoablemente e tomar nota do perigoso da situación, do forte da miña dependencia, o que fixen foi lavala a cen por hora, secala co ferro e o secador e volver poñela con ansiedade anfetamínica. Que alivio, pensei ao pórma de novo, xurándome que non volveriamos separarnos tanto. Fun consciente do problema no que estaba metida, pero esta consciencia resultou tan esmorecida polos sorrisos dos efebos xemelgos que apareceron nese intre para levarme polo aire sobre unha alfombra de frescor, nada máis poñer a prenda, que non lle puiden prestar a debida atención.

Ese ambiente de seguro confort e admiracións incondicionais non era eterno, ben o sabía eu, e a el regresaban nalgún momento os cheiros reais e acres do corpo. Probei a lavala posta, semiposta e outras complicacións, ata ás veces rendinme á evidencia de que de cando en vez tería que sacarma, e sumida en plena depresión/síndrome de abstinencia, repetíndome histérica “Polo menos non perdo o contacto visual, polo menos non perdo o contacto visual”, lavábaa a ela e a min para, libres as dúas das secrecións do meu impuro corpo, poder volver ingresar no seu limbo publicitario de felicidade. Era nestes momentos de baixón cando, para rematar o meu descenso aos infernos, preguntábame – infrutuosamente – sobre que faría cando a braga estivese totalmente desgastada. Intuía que iría perdendo as súas propiedades fantásticas e de feito, se me fixaba ben, podía xa atopar síntomas diso. A música xa non era tan alegre, facíanse notar os acordes menores, mentres os amantes volvíanse maiores, e desaparecían os apolíneos rapaces que vía ao principio. O colorido mantíñase, si, pero máis apagado, debía admitir. ¿Que faría cando non me proporcionase nin iso?

Nunca tiven – ou me tomei – o tempo suficiente para responder a esa pregunta, pois todo o meu interese centrábase en volver poñela canto antes e regresar aló. Pero agora, logo de que un amante exaltado a rompese a dentadas crendo sen dúbida, o moi imbécil, que as miñas protestas e resistencia eran parte do xogo e da excitación que me consumía, agora sei por experiencia que facer. Recordar, simplemente. E se me aperta moito a nostalxia, visitar tendas de lencería, grandes almacéns, e escribir a fabricantes e importadores de roupa interior pero, a verdade, sen a menor esperanza.

8 Comentarios

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*