Elena Veiga Rilo

Elena Veiga RiloAos cinco anos non sabía pronunciar o erre. Por aquelas épocas mandáronme presentarme en verso e non se me ocorreu outra cousa que dicir ¨Eu son Elena e teño melena¨.
Planteime diante do espello e acabei berrando ben alto cousas como carro, terra ou rato, mais a miña (in)capacidade de escribir en verso coido que segue igual que aos cinco anos. Así que decidín dedicarme ao coloreado e á lectura de Chucho Cacho, para pasarme máis tarde aos libros de auto-axuda como Mafalda ou Manolito Gafotas (o meu ídolo e co que aínda me sinto plenamente identificada).

Poida ser que fose o feito de nacer escoitando pola tele as primeiras bombas da Guerra do Golfo (un fatídico 17 de xaneiro de 1991) o que me movese a buscar conflitos na escrita e acabase por matar a unha mancha de cor rechamante en Morto en fucsia… Pois na miña vida cóntanse poucos sobresaltos: o apagado da música dun pub irlandés cando intentei facer de DJ. Cantei Molly Malone para que non se notase. Coido que se notou. Ou sobrevivir cunha salchicha e media ao día durante un mes nun campamento nunha Galicia profunda de máis e na que só puiden aprender a perrear de verbena en verbena e a montar a cabalo ata o nivel trote. Minto, tamén gañei a sensación de sentirme Medea nada máis que por poñer a saba da liteira por riba e ser condenada por bruxa (si, gústanme as adaptacións crueis e sanguentas).

No 2009 fixéronlle unha entrevista a Mónica Cruz na que dicía que sentía pena daqueles que, chegando á súa maioría de idade, non sabían o que querían ser de maiores. Odiei moito a Mónica Cruz porque eu aínda non sabía se marchar con Alexander McQueen a aprender inglés ou ficar para emparanoiarme coa vida das soldadeiras polos corredores de Filoloxía en Santiago. Sempre lle tiven cariño a María Balteira porque era de Coirós, quedei, e non me arrepinto (só cando é hora do té das cinco).

Algo que queira facer? Ver unha de romanos (outra), seguir a colaborar na revista A Xanela (toma publicidade subliminal), aprender a cociñar, e de paso a conducir (agardo que este escrito caduque pronto). Algo do que me guste presumir? De crerme estrela do cine cando papei dez horas de rodaxe para ser un punto azul ao fondo. Algo que queira arranxar? A vespino de miña nai, e poñerlle un nome de trobador.

Si, facendo balance (e xa corto o rollo), sigo máis ou menos igual que aos cinco anos, só que agora si que me gusta o queixo con marmelo e non como cenorias porque xa teño claro que a vitamina A non fai medrar as pestanas. Ademais, parece ser que cos anos chocheo e me volvo nostálxica.

Compartir
Artigo anteriorCelia Parra
Seguinte artigoDavid Pobra

3 Comentarios

  1. E seguiremos a vivir grandes experencias (paronoides), que leven á túa man a voar tan ben como o fai agora! 😛

    Grande Elena!

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*